"Non quero rematar esta ‘crónica’ sen facer unha
valoración global sobre o que, ó meu entender, supuxo este VI Encuentro de Investigadores sobre el Franquismo. En xeral cabe destacar o elevado nivel intelectual dalgúns dos debates
(non de todos), o que ven sendo unha saudable tradición neste congreso.
A vitalidade dos debates ten que ver cunha decidida vocación - o que se convertiu nunha constante xa dende os iniciais Encuentros de Jóvenes Investigadores del Franquismo - pola minimización do ritual xerárquico, tan do gusto doutros encontros, seminarios e congresos do gremio dos historiadores e dos «científicos sociais» en España. As distancias e escalas profesionais redúcense notablemente, o que posibilita unha
participación aberta do conxunto dos asistentes
(dende bolseiros recén chegados até catedráticos moi recoñecidos) nas discusións.
Continúa a ser o congreso central para os historiadores que no conxunto do Estado nos estamos a adicar a investigar os 40 anos da dictadura franquista, pois permite coñecer as tendencias dominantes, e aquelas que xa se van apuntando, no noso campo de traballo, así como, moitas veces de xeito individualizado, os traballos en proceso que están a realizar tanto investigadores recentemente desembarcados neste ‘compartimento’ da nosa Historia contemporánea como outros que levan xa varios, ou bastantes anos, traballando.
Polo que fai, máis en concreto, o desenvolvemento das sesións neste derradeiro Encuentro cómpre destacar, por unha parte, a necesidade de renovación das perspectivas de investigación en algún dos campos. O caso máis evidente é o das institucións do réxime, pero non só. No conxunto das 75 comunicacións presentadas, os traballos adicados a estudar o período ou etapa tardofranquista (1960-1976) continúan a ser claramente minoritarios.
Por outra banda, os enfoques na liña (en sentido moi amplo) da Historia da Cultura e dos medios de comunicación, están a a gañar terreo con gran velocidade, ao igual que os de Historia de Xénero, até o punto de que estes últimos son a día de hoxe tan relevantes, e están, de por si, tan presentes a tódolos niveis que, na miña opinión e, agardando que a ninguén lle pareza politicamente incorrecto, merecen ter xa unha presenza transversal asumida por todos nós, e non un tratamento individualizado.
Afortunadamente, no eido da historiografía sobre o franquismo, a Historia das mulleres está tan xeneralizada que se podería dicir que a súa normalización non requiere xa de espazos singulares.
Por último, os estudos sobre a represión franquista, manteñen moita vitalidade, moi posiblemetne relanzados polo boom social e mediático da recuperación da memoria histórica. Os historiadores deberiamos reflexionar máis, e así se fixo en certo modo en Zaragoza, sobre onde están ou deberían estar os lindeiros entre o que é memoria e aquelo outro o que chamamos Historia.
No ‘debe’ deste congreso, non podo deixar de sinalar as excesivas restriccións formais á hora da presentación das comunicacións. Limitar o texto a 15 páxinas pode ter un efecto certamente negativo, no sentido de que conduce, cando non obriga, a moitos dos autores á presentación de estudios de caso que, nesta ocasión, eran, polo xeral, bastante máis descritivos ca interpretativos, o que é unha mágoa, en especial se temos en conta que esta restricción estivo en boa medida motivada pola vontade dos organizadores de editar un tomo - pouco manexable - co conxunto das comunicacións presentadas. Na era dixital - e malia ao apego que moitos de nós seguimos a ter polo soporte de papel - co CD que se nos entregou tería abondado e, este ‘problema’ non existiría. Escoitamos en Zaragoza a queixa de varios comunicantes nesta mesma liña.
Pola contra, hai que felicitar á organización pola antelación coa que foron remitidos os materiais, o que facilita moito o posterior desenvolvemento do debate nos congresos." [continua]
Daniel Lanero Táboas